Tuesday 14 de May de 2024

O Concello de Moeche activa a aplicación Liña Verde para comunicar incidencias


A Aula TIC ofrecerá proximamente un curso para utilizar a a ferramenta gratuíta, descargable desde a App Store e Google Play

Liña Verde é tamén un portal web con información ambiental, de servizos e turística sobre o municipio

Desde o venres pasado xa está operativo o novo servizo on-line Liña Verde para a comunicación inmediata a través do móbil de calquera incidencia que se produza no territorio relacionada con servizos municipais. Un vertedoiro incontrolado, defectos no mobiliario público, unha farola que non acende, a rotura dunha tubaxe da auga, etc., son só algunhas das cousas das que se poderá informar ao momento, grazas a un aplicativo gratuíto dispoñible na App Store ou en Google Play. Unha vez instalada a app no noso dispositivo xa poderemos avisar de calquera problema que vexamos adxuntándolle unha foto, a súa localización e un comentario ao respecto. Este novo servizo funciona as 24 horas dos 365 días do ano e, por ese motivo, é moito máis rápido que as chamadas ao Concello, ademais de axilizar o control e o historial dos problemas atopados, xa que toda a información comunicada se centraliza nun único punto onde tanto os servizos municipais como as persoas usuarias poden facer un seguimento detallado sobre o seu estado e, o máis importante, saber se están solventados ou non.

Unha vez que descarguemos o aplicativo para o noso móbil deberemos entrar nel e escoller o noso concello, xa que a plataforma tecnolóxica é compartida por varios municipios, xunto co idioma en que queremos que se mostre. Feito isto a app xa estará lista para informar a través dela á Administración local de calquera incidencia que atopemos.

Para iso hai que picar en “Nova incidencia” e abrirase unha pantalla para describir brevemente cal é o problema, dando a posibilidade de situalo no mapa, algo que se poderá facer á man ou automaticamente habilitando o GPS do móbil. Incluso se lle pode sacar unha foto para que os servizos municipais se fagan unha idea máis precisa de que ocorre.

O último paso é darlle a enviar a mensaxe, que chegará ao Concello con todos os datos necesarios -descrición, foto e localización- para que se lle poida dar cumprida resposta o antes posible. E a cousa non quedará aí senón que, cada vez que se produza un cambio, a persoa que avisou recibirá unha notificación na aplicación do móbil de cara a facer un seguimento do seu estado. “Ter no móbil unha ferramenta coma esta amplía as vías de comunicación co Concello e supón unha mellora importante no sentido de que as persoas que manden unha incidencia poderán consultar en todo momento se se solucionou ou se se está traballando para solucionala”, explica Beatriz Bascoy.

A través de Liña Verde -que ten versión web: www.linaverdemoeche.gal– tamén é posible facer consultas de tipo ambiental -reciclaxe, normativa, etc.- que obterán resposta por parte dun equipo de persoas expertas no prazo máximo de 24 horas.

Liña Verde complétase cun apartado de información e cunha canle de avisos de servizo público no móbil (cortes de rúas, interrupcións de subministración etc.). Dispón ademais de información turística sobre o municipio e ofrece outros servizos a través da do teléfono 902 193 768 en horario de 8 a 17.00h., aínda que o custe da chamada é de 7 céntimos minuto.

O aplicativo entrou en funcionamento o primeiro de abril e desde o Concello considérase que a nova ferramenta -que non garda datos de carácter persoal, só o número de teléfono- será de grande utilidade para alertar sobre todo tipo de problemas que se producen no territorio, como os relacionados coas vías de comunicación -árbores caídas, desperfectos, etc.-, coa iluminación pública, coa recollida do lixo ou co abastacemento de auga potable. Ademais, tal e como sinalou Beatriz Bascoy, “permitiranos levar un control máis exhaustivo das incidencias e responder ante elas dunha maneira moito máis rápida e efectiva”.

Proximamente ofrecerase un pequeno curso a través da Aula TIC de Moeche para ver as funcionalidades e o manexo tan sinxelo que ten esta ferramenta posta en marcha polo Concello para seguir mellorando a comunicación coa veciñanza. Das datas e horarios informarase a través das redes sociais municipais.